Thursday 28 de March de 2024

O alcalde mantivo unha reunión de traballo en Caión coa presidenta de Portos de Galicia


Na xuntanza púxose de manifesto a boa sintonía entre todas as partes implicadas para cooperar na procura do obxectivo común da mellora do espazo portuario.

O porto de Caión acolleu hoxe unha reunión de traballo entre o alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, na que tamén participaron os concelleiros Jesús Souto e José Ramón Martínez Barbeito e Evaristo Lareo en representación da Confraría de Pescadores.

O motivo do encontro foi analizar o estado actual das infraestruturas e dos equipamentos do peirao caionés e definir as intervencións prioritarias a levar a cabo para a súa mellora, conservación e mantemento.

Na xuntanza púxose de manifesto a boa sintonía entre o Concello, Portos de Galicia e a Confraría de Pescadores para cooperar na procura do obxectivo común de mellorar o espazo portuario en beneficio da actividade que alí desenvolven os profesionais da pesca e as embarcacións de recreo, pero tamén da poboacións larachesa en xeral e do sector turístico que actualmente conforma un dos principais motores económicos para a vila de Caión.